EDNL

EDNL
Equipo de Normalización Lingüística do IES de Becerreá

sábado, 17 de maio de 2014

PREMIOS IES DE BECERREÁ

PREMIADOS "A PIPA DE BECERREÁ" E A COOPERATIVA "A CARQUEIXA" POLA DEFENSA DA LINGUA E CULTURA GALEGAS




Reunida a Comisión que outorga o Premio IES Becerreá á promoción da Lingua e Cultura galegas, logo de analizar as cinco candidaturas presentadas, tanto na modalidade de asociacionismo cultural como do ámbito da iniciativa privada, decidiu maioritariamente outorgar os premios á Asociación Cultural “A Pipa de Becerreá” (modalidade de asociacionismo cultural), polos 25 anos de intenso labor cultural que desenvolve na comarca a través do Certame Literario que promove desde 1990 e no que ten participado moitas xeracións de persoas da Comarca dos Ancares e de fóra dela. Tamén pola celebración de “As Noites Poéticas” desde o 1996, que trouxeron a Becerreá aos máis salientables persoeiros da cultura galega, dende Uxío Novoneira ou Manuel María, ata Manuel Rivas ou María do Cebreiro. Por estas e outras actividades, a Comisión decidiu outorgarlle o premio desta 1ª edición.
Dentro da modalidade da iniciativa privada, o premio foille concedido por maioría á Cooperativa “A Carqueixa”, con sede en San Román de Cervantes e con ámbito de actuación no resto da Comarca dos Ancares. Nesta caso, os méritos alegados foron a utilización da lingua galega en toda a súa actividade corporativa e, sobre todo, por defender un modelo de vida e produción dentro da nosa Comarca que supón a defensa e supervivencia dunha cultura propia.
A comisión valorou positivamente que as cinco candidaturas presentadas responderon á
filosofía do premio e que, noutros ámbitos distintos, todas elas demostran a existencia na Comarca dos Ancares de moitos merecentes deste Premio.
A cerimonia de entrega dos galardóns terá lugar o venres 13 de xuño, ás 12:50 horas, estando aberta a todos aqueles membros da comunidade educativa que queiran acudir.